viernes, 18 de diciembre de 2015

KAMISIBAI

Para celebrar que marchamos de vacacións de Nadal fixemos varias sesións de conta-contos de Nadal co Kamisibai. Para educación infantil foron tres nenas de 4º de educación primaria as que narraron "O Apalpador".
Para educación primaria narraron o conto "El camello de Melchor" ´dúas alumnas e un alumno de 5º de primaria.
Ao rematar o conta-contos tamén visionaron uns vídeos sobre a historia do Apalpador cos que disfrutaron moito.Algúns incluso se animaron a bailar ao ritmo da cantiga!!
Hoxe Lectorio tamén colle vacacións e deséxavos un Bo Nadal a todos e todas e un Feliz 2016 cheo de bos momentos e boas lecturas tamén!! Amósovos algunhas das lecturas favoritas do alumnado do centro que están expostas adornando a árbore de nadal do corredor e que vos pode axudar como recomendación para agasallar.

jueves, 17 de diciembre de 2015

VISITA DO APALPADOR

Hoxe recibimos a esperada visita do Apalpador á biblioteca de Lectorio!! Aquí amósovos algunha imaxe dalgún momento coas nenas e nenos de educación infantil e de 1º, 2º e 3º de educación primaria . Estamos moi ledos pois o mesmo Apalpador interesouse por ver as láminas do conto que levarán a cabo mañá co Kamisibai alumnado de 4º e 5º de educación primaria, que trata sobre a biografía do Apalpador. .

miércoles, 16 de diciembre de 2015

Mañá visítanos o Apalpador!!

Preparádevos con esta cantiga e baile tan animado para recibir unha máis que agradable sorpresa. Mañá estará visitando a nosa biblioteca o Apalpador!!! Amosarémosvos imaxes da súa presencia co alumnado do centro.

martes, 15 de diciembre de 2015

GUÍA DE LECTURA NADAL 2015

Dende a Biblioteca de Lectorio queremos achegarvos unhas recomendacións de lecturas para este Nadal. Aproveitamos tamén para desexarvos un Bo Nadal e un Feliz 2016. BOAS LECTURAS !!!



Guía Lectura Nadal 2015

jueves, 10 de diciembre de 2015

Cantiga do Apalpador

Lectorio vos invita a escoitar e bailar unha cantiga moi animada do Apalpador interpretada polo grupo    Malvela.

                  

CHEGA O NADAL

Xa temos ás portas o Nadal. Na Biblioteca de Lectorio poderedes atopar libros con historias relacionadas con esta temática, e dentro destos están expostos os que nos falan do Apalpador.
 O Apalpador é unha figura de orixe galega que durante estas datas visita as casas para "apalpar" as barrigas dos e das máis pequenas da casa para deixarlles castañas ou ben un agasallo feito con elementos naturais que atopa nas montañas do Courel, onde vive.
Nos enlaces deste blogue poderedes atopar recursos para coñecer máís a fondo esta figura, dentro de recursos de nadal ou tamén na propia páxina web coa que conta o Apalpador: www.apalpador.com.
A vindeira semana alumnado de 4º e 5º de primaria utilizarán o Kamisibai para contar historias desta personaxe ao resto do alumnado do centro.
Déixovos unha ilustración do Apalpador creada polo pintor Leandro Lamas.


.

lunes, 30 de noviembre de 2015

Ata sempre, Xosé Neira Vilas!

O venres deixounos, aos 87 anos de idade, Xosé Neira Vilas (1928-2015), autor da obra máis vendida da literatura galega, "Memorias dun neno labrego". Neira Vilas publicou máis de 70 libros tanto para adultos,nenos, ensaios, novelas.... Traballador incansable a prol da cultura e lingua galega, tanto no exilio como de volta a Galicia. Foi o creador das Mocidades Galeguistas e fundador da Editorial Follas Novas. Dende aquela foi activista da cultura e da dignidade de Galicia ata hoxe. Este mesmo ano publicou en Galaxia "Romaría de historias" e estaba a escribir tamén letras para cancións de varios artistas galegos.

lunes, 23 de noviembre de 2015

DÍA INTERNACIONAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

O 25 de novembro é o Día Internacional contra a violencia de xénero. Lectorio invítavos a visitar a exposición "Pola igualdade" onde atoparedes unha escolma de libros que traballan como eixo principal a igualdade, valor primordial na sociedade actual. Afortunadamente a evolución neste eido foi importante, pero queda moito pero que moito camiño por diante. Nas nosas mans, tanto da familia como das e dos mestres, está a base para conseguir este obxectivo.

sábado, 24 de octubre de 2015

DÍA DAS BIBLIOTECAS

Hoxe celebramos o día das bibliotecas. Este é o cartel conmemorativo deste  ano que ten como lema "Biblioteca Escolar, base de exploracións". Celebramos este día para dar visibilidade a todas e cada unha das bibliotecas que abren as súas portas día a día e que tratan de ser  espazos amigables na procura de lectura e coñecemento.

lunes, 19 de octubre de 2015

PREPARANDO O SAMAÍN




Para deleite de grandes e pequenos un video moi gracioso con ilustracións de OQO

viernes, 9 de octubre de 2015

A LITERATURA GALEGA DE NORABOA

Este ano o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil foi ás mans da escritora galega Ledicia Costas pola súa obra "Escarlatina, a cociñeira defunta". A novela, escrita en galego, narra as aventuras de Román un rapaz de 10 anos que quere ser chef. O día do seu aniversario recibe unha caixa misteriosa en forma de ataúde. Dentro desa caixa está Escarlatina, unha cociñeira falecida no século XIX que lle axudará a cumprir o seu soño.


Xa o temos dispoñible para empréstito na nosa biblioteca!!!

domingo, 4 de octubre de 2015

COMEZAMOS, BENVIDO CURSO 2015-2016

SE QUEREDES VIVIR MIL AVENTURAS, PASADE!!!


BENVIDOS A NOSA BIBLIOTECA

Chega o mes de Outubro e con él abre as portas a biblioteca de Lectorio. Chegamos cargadiños de novos proxectos, novas ilusións ... Para festexar  a apertura da biblioteca para este curso 2015/2016 contamos coa actuación do cantautor  Héctor Lorenzo que  fixo cantar e bailar a todo o alumnado do centro. Pasámolo xenial. Aqui tedes unha pequena mostra.



lunes, 23 de febrero de 2015

DÍA DE ROSALÍA


Xa está todo preparado no cole para celebrar o día de Rosalía. Dende a Biblioteca de Lectorio ten preparadas varias actividades para levar a cabo durante esta semana: lectura de poemas dos nenos máis maiores aos máis pequenos, visionado de documentais sobre a vida desta grande escritora galega,.... Non podía faltar esta fermosa versión musicada do poema Adios Ríos, Adios Fontes a cargo de Amancio Prada




miércoles, 18 de febrero de 2015

ENTROIDO 2015

No noso cole este ano celebramos o Entroido baixo o lema matemático: Liberdade de expresión + diversión = Entroido. Queríamos facer un entroido matemático pero que tamén levase integrado o PDI anual: Narón e a súa contorna. Así que despois de moito pensar e discurrir decidimos facer unha mezcla de todo elo e aquí tedes o resultado. Esperamos que vos guste.


Click to play this Smilebox slideshow
Create your own slideshow - Powered by Smilebox
This free digital slideshow customized with Smilebox

miércoles, 4 de febrero de 2015

LIBERDADE DE EXPRESIÓN + RESPECTO= PAZ


Baixo o lema matemático LIBERDADE DE EXPRESIÓN + RESPECTO = PAZ  os rapaces e rapazas do noso centro investigaron sobre as persoas ou entidades que recibiron o Nobel da Paz nos últimos 12 anos. Fixeron unha importante labor de investigación que logo quedou plasmada nas ponencias que cada curso deu a outros compañeiros comunicando o aprendido. Tendo moi presente os terribles acontecementos sucedidos en Paris no xornal satírico Charlie Hebdo os nenos e nenas penduraron da árbore do hall pombas e lápices con mensaxes de paz e liberdade.