lunes, 16 de mayo de 2016
DÍA DAS LETRAS GALEGAS
Como ben sabedes, este ano, e hoxe especialmente, homenaxemos a Manuel María. A continuación amosamos a biografía completa do autor, extraída da Casa Museo Manuel María, á cal agradecemos a información.
Aquí a nosa particular homenaxe.
Manuel María nace en Outeiro de Rei da Terra Chá (Lugo) o 6 de outubro de 1929, no seo dunha familia de labregos máis que acomodada. Vive os seus anos da nenez e da adolescencia como calquera outro neno do mundo rural, coa única diferenza de que na súa casa non sufrirán nunca a miseria e a fame que coñecen a maioría das familias naqueles primeiros tempos da posguerra. Comeza a escola en Outeiro en plena guerra civil. Logo prepara en Rábade o ingreso no Instituto cun mestre que dedica as tardes dos sábados a ler e comentar textos poéticos galegos -algo verdadeiramente sorprendente nesa época-, o que lle permite descubrir a existencia da literatura galega nesa etapa inicial da súa vida. Inicia o Bacharelato no curso 1942-43 no Instituto Masculino de Lugo.
Antes de rematar o primeiro curso, en maio de 1943, morre o seu pai e faise cargo da súa educación o seu tío paterno, párroco de San Froilán e profesor de Filosofía no Instituto Feminino da cidade luguesa. Son anos duros e difíciles, que o futuro poeta vive como internado na Academia Galicia dos maristas até que no 1947-48 regresa ao Instituto para rematar o bacharelato. Sempre que pode, de calquera xeito, retorna aos seus eidos, á liberdade de Outeiro de Rei, onde vive días moi felices coa nai e cos irmáns, integrándose plenamente no mundo labrego. Precisamente é cun criado que traballa na casa, Manuel de Paderna, co que aprende a facer versos nos mediodías do verán, á sombra dunha oliveira. Ademais da influencia cultural do seu tío crego, moi formado en Teoloxía, Filosofía e Literatura, nese tempo da adolescencia de Manuel María é para el lectura habitual A Biblia, a obra de Rubén Darío, os clásicos españois e a Xeración do 27.
1949 é un ano transcendente e decisivo na vida de Manuel María. Con só dezanove anos pronuncia no Círculo das Artes de Lugo a súa primeira conferencia; intégrase na tertulia luguesa do café Méndez Núñez, invitado polo poeta Luis Pimentel, na que participan tamén escritores como Ánxel Xohán, Ánxel Fole, Ramón Piñeiro, Aquilino Iglesia Alvariño, Álvaro Cunqueiro ou Carballo Calero; convértese en editor da revista Xistral -onde publica os seus primeiros versos en galego-, e escribe o seu primeiro poemario, Muiñeiro de brétemas, que sairá ao ano seguinte na colección Benito Soto, de Pontevedra.
O seu primeiro libro de poemas, que acada un grande eco nos xornais e recibe o eloxio de figuras como Otero Pedrayo, ten un triple valor histórico: é o primeiro libro que publica Manuel María, é a primeira obra que sae á luz dun poeta novo e é o texto que marca a aparición dunha nova corrente poética na lírica galega: a Escola da Tebra.
Tamén en 1949 matricúlase por libre en Filosofía e Letras na Universidade de Santiago, estudos que abandona ao ano seguinte. Nacen os primeiros versos de Morrendo a cada intre. A morte en accidente do seu irmán máis novo prodúcelle unha profunda crise íntima e relixiosa que o leva a escribir Libro de pregos. Pouco despois fai o servizo militar en Parga e en Compostela, onde coincide de novo con outro futuro poeta que xa coñecera en Lugo: Uxío Novoneyra. Na cidade de Compostela manterá unha grande relación cos intelectuais galeguistas, especialmente con Otero Pedrayo e Carlos Maside. Este último achégao á realidade do pensamento marxista.
En Lugo, xa liberado do servizo militar, inicia os estudos e prácticas de Procurador dos tribunais, publica o seu segundo poemario e gaña o Premio Castelao de Poesía do Centro Galego de Bos Aires. No verán de 1953 escribe a primeira redacción de Terra Chá, que é un verdadeiro reencontro coa vida chairega e coas súas raigames labregas. Son anos de intensa creación poética, que se traduce en diversos libros, moitos dos cais permanecerán inéditos longo tempo.
En 1956 Manuel María coñece a Saleta Goi e ábrese aí unha nova etapa persoal na vida do escritor. Casan en Lugo tres anos máis tarde e pouco despois instálanse os dous en Monforte de Lemos, onde o poeta exercerá a actividade profesional de Procurador até a súa xubilación.
Entre 1959 e 1963 manteñen unha grande relación co grupo de intelectuais de Ourense (Vicente Risco, Otero Pedrayo, Florentino Cuevillas, etc.) e asisten ás primeiras reunións para reorganizar o nacionalismo galego, un proceso político no que é clave a figura de Méndez Ferrín. É a época do Consello da Mocedade e da ruptura co piñeirismo. Intensifica, así mesmo, a súa creación, non só como poeta, senón tamén como narrador e dramaturgo. Desta época cómpre destacar libros como Documentos persoaes (1958) e Mar Maior (1963).
A resistencia cultural que caracterizou as etapas anteriores increméntase na segunda metade dos sesenta, ao tempo que aparecen os primeiros partidos nacionalistas galegos, a Unión do Povo Galego (UPG) e o Partido Socialista Galego (PSG), que veñen encher o baleiro creado pola liquidación do Partido Galeguista. Asistimos igualmente ás primeiras folgas obreiras, á loita labrega contra FENOSA e ás revoltas na Universidade. O compromiso de Manuel María ao longo de todos eses anos levao a percorrer o país e a participar en importantes acontecementos para a cultura galega e para o país: a presentación de Raimon e da Nova Canción Galega, a creación da colección de poesía Val de Lemos, a edición de discos en colaboración coa discográfica EDIGSA, a inauguración da Libraría Xistral, etc.
No campo creativo a súa voz é cada vez máis comprometida e combativa: Versos para un país de minifundios, Versos para cantar en feiras e romaxes, Remol, Canciós do lusco ao fusco…En 1975 presenta a súa renuncia como membro correspondente da Real Academia Galega dada a total ineficacia desta institución en defensa da lingua galega e dona a propiedade de Edicións Xistral ao recén creado Frente Cultural da AN-PG, organización esta da que Manuel María será un activo militante.
É o momento da transición política e da creación dun marco autonómico. A poesía galega non é allea a eses cambios que se producen na sociedade e no plano político. O poeta inicia o regreso ao amor e aos eidos nativos como temas da creación literaria. Poemas ao Outono, escrito xa no umbral desa época, sinala como ningún outro libro un novo rumbo na voz poética de Manuel María. Aínda así, o poeta non renunciará en ningún momento ao seu compromiso activo co nacionalismo galego, formando parte inclusive das candidaturas ao Senado e ao Concello de Monforte.
A súa poesía acada unha expresión máis íntima e humanista e nestes anos escribe e publica talvez o seu máis rico corpus poético. O poeta participa activamente nas actividades de entidades como a Asociación Socio-Pedagóxica Galega ou a recén creada Asociación de Escritores en Lingua Galega e emprende tamén unha serie de viaxes que o levan a diversas partes de Europa.
Nesta época son frecuentes as homenaxes, os premios e os recoñecementos: Premio Celanova, Casa dos Poetas, Fillo Adoptivo de Monforte de Lemos, Amigo de Quiroga, Lucense do Ano, Pedrón de Ouro, Irmandade do Libro, Letra E da AELG, Premio Otero Pedrayo, etc. Mais hai dous actos que foron moi especiais para o poeta: a homenaxe nacional que a AS-PG lle tributou no Teatro Rosalía de Castro en 1995 e a entrada como académico numerario na Real Academia Galega en 2003.
ç
En 1998 Manuel María e Saleta trasladan a súa residencia á cidade da Coruña, onde pasa os seus últimos anos e onde manterá unha tertulia no Kirs.
Hai que salientar, ademais, a aparición en 2001 da súa Obra Poética Completa, da man da editorial Espiral Maior, que dirixe o tamén poeta Miguel Anxo Fernán Vello, e a publicación un ano antes dun libro-homenaxe impulsado pola Asociación Cultural Xermolos.
Manuel María falece o 8 de setembro de 2004 na Coruña. Despois do velorio no Panteón de Galegos Ilustres, o seu corpo foi trasladado a Outeiro de Rei no medio dunha multitude de galegos e galegas que quixeron dar o seu derradeiro adeus ao poeta nacional de Galiza.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario